Historia

A asociación cultural  CANTAR DELAS leva funcionando dende  setembro de 2007.  Esta asociación promove  o único grupo coral de voces brancas da provincia de Lugo que agrupa 28 voces femininas dirixidas por Fernando Gómez Jácome. Na actualidade está presidida por Dolores Varela Salgueiro.

Os seus obxectivos recollen:  

  • A promoción e o exercicio da música coral polifónica.
  • A interpretación e promoción da música clásica en xeral e de autoría galega en particular.
  • A promoción da cultura galega a través da súa literatura, da súa música e da súa lingua.
  • A participación e a presenza das mulleres na vida cultural e social a través do canto coral.
  • A difusión da obra, tanto literaria coma musical, de escritoras, compositoras e intérpretes femininas.

Ó longo destes anos levou a cabo importantes proxectos culturais e musicais entre os que salientamos:

A interpretación coa Orquestra de Xove do STABAT MATER de Pergolesi en diferentes localidades da provincia.

A interpretación, xunto co grupo Tundal, das CANTIGAS DE MARTÍN CODAX e CANTIGAS DE SANTA MARÍA DE AFONSO X, O SABIO, en diferentes localidades da provincia.

A interpretación, xunto cos coros Lugh, Coro do Hospital e Sólo Voces, acompañados polo pianista Aurelio Chao, de pezas de Zarzuela e Ópera con grande éxito de público na nosa cidade e tamén en Vilalba.

A participación no Festival de Música Cidade de Lugo  en maio de 2018 na sección de Produción Local: TRIBUTO A MONTES coa interpretación da Misa sencilla para niños, Veni Creator, Una flor a María, Ego sum panis vivus, Pange lingua. Á fronte do órgano contouse con Esperanza Iglesias Méndez.

Diversos concertos con diferentes núcleos temáticos: o amor e desamor, música galega, música doutros países, percorrido pola historia da música  dende a Idade Media ata a actualidade...

Salientamos, pola súa orixinalidade dous concertos, o primeiro, CANTOS E CONTOS no que se acompañaron as pezas musicais coa lectura de textos literarios de autoría galega que gardaban  relación co  repertorio e MULLERES LIBRES, SEMPRE en que se fai un percorrido pola historia da música dende o século XIII ata a actualidade e tamén se dá lectura á historia de mulleres galegas representativas de cada século.

Asemade ten participado en diferentes efemérides organizadas polo Concello de Lugo e por outros organismos privados: Día das Letras Galegas, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, S. Valentín, Nadal na rúa, Santa Icía, Polifonía por Quilos...

En maio de 2008 celebrouse o primeiro concerto sendo  amadriñadas pola entonces Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez. Naquel momento, a prensa local recolleu o evento como “Voces con alma de mujer” (Ver EL PROGRESO, 25-05-2008).

O 27 de outubro de 2018 CANTAR DELAS celebrou o seu  X Aniversario na Igrexa de San Pedro.  O concerto  contou con pezas do repertorio  clásico (Bach, Offenbach, Händel, Pergolesi) e música popular e de autoría galega.

O coro estivo acompañado por Esperanza Iglesias Méndez ó piano.

O prestixio e popularidade que o coro CANTAR DELAS acadou na nosa cidade débese ao seu director Fernando Gómez Jácome que, ademais dos ensaios semanais, procura, selecciona, prepara, adapta e harmoniza as distintas composicións musicais.