Historia
A asociación cultural CANTAR DELAS leva funcionando dende setembro de 2007. Esta asociación promove o único grupo coral de voces brancas da provincia de Lugo que agrupa 28 voces femininas dirixidas por Fernando Gómez Jácome. Na actualidade está presidida por Dolores Varela Salgueiro.
![](/sites/default/files/cantardelas_.jpg)
Os seus obxectivos recollen:
- A promoción e o exercicio da música coral polifónica.
- A interpretación e promoción da música clásica en xeral e de autoría galega en particular.
- A promoción da cultura galega a través da súa literatura, da súa música e da súa lingua.
- A participación e a presenza das mulleres na vida cultural e social a través do canto coral.
- A difusión da obra, tanto literaria coma musical, de escritoras, compositoras e intérpretes femininas.
Ó longo destes anos levou a cabo importantes proxectos culturais e musicais entre os que salientamos:
A interpretación coa Orquestra de Xove do STABAT MATER de Pergolesi en diferentes localidades da provincia.
A interpretación, xunto co grupo Tundal, das CANTIGAS DE MARTÍN CODAX e CANTIGAS DE SANTA MARÍA DE AFONSO X, O SABIO, en diferentes localidades da provincia.
A interpretación, xunto cos coros Lugh, Coro do Hospital e Sólo Voces, acompañados polo pianista Aurelio Chao, de pezas de Zarzuela e Ópera con grande éxito de público na nosa cidade e tamén en Vilalba.
A participación no Festival de Música Cidade de Lugo en maio de 2018 na sección de Produción Local: TRIBUTO A MONTES coa interpretación da Misa sencilla para niños, Veni Creator, Una flor a María, Ego sum panis vivus, Pange lingua. Á fronte do órgano contouse con Esperanza Iglesias Méndez.
Diversos concertos con diferentes núcleos temáticos: o amor e desamor, música galega, música doutros países, percorrido pola historia da música dende a Idade Media ata a actualidade...
Salientamos, pola súa orixinalidade dous concertos, o primeiro, CANTOS E CONTOS no que se acompañaron as pezas musicais coa lectura de textos literarios de autoría galega que gardaban relación co repertorio e MULLERES LIBRES, SEMPRE en que se fai un percorrido pola historia da música dende o século XIII ata a actualidade e tamén se dá lectura á historia de mulleres galegas representativas de cada século.
Asemade ten participado en diferentes efemérides organizadas polo Concello de Lugo e por outros organismos privados: Día das Letras Galegas, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, S. Valentín, Nadal na rúa, Santa Icía, Polifonía por Quilos...
En maio de 2008 celebrouse o primeiro concerto sendo amadriñadas pola entonces Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez. Naquel momento, a prensa local recolleu o evento como “Voces con alma de mujer” (Ver EL PROGRESO, 25-05-2008).
O 27 de outubro de 2018 CANTAR DELAS celebrou o seu X Aniversario na Igrexa de San Pedro. O concerto contou con pezas do repertorio clásico (Bach, Offenbach, Händel, Pergolesi) e música popular e de autoría galega.
O coro estivo acompañado por Esperanza Iglesias Méndez ó piano.
O prestixio e popularidade que o coro CANTAR DELAS acadou na nosa cidade débese ao seu director Fernando Gómez Jácome que, ademais dos ensaios semanais, procura, selecciona, prepara, adapta e harmoniza as distintas composicións musicais.