CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO. LUGO

CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO. LUGO

O 25 de maio, na Capela de Santa María de Lugo, ás 19:00 h, Cantar Delas coa colaboración das Cantareiras da A.C. de Cantigas e Frores renderon homenaxe á tradición  e a memoria colectiva galega, co concerto titulado Cantos de raíz, da raíz do canto.

O concerto reuniu a dúas agrupacións comprometidas coa recuperación do patrimonio oral e musical de Galicia.

Cantar Delas ofreceu un percorrido por temas tradicionais e poéticos que van dende os alalás e romances populares ata adaptacións de temas literarios, como Negra Sombra de Rosalía de Castro ou María Soliña,  poema de Celso Emilio Ferreiro, ademáis de interpretar temas de  autoras e autores contemporáneos, como Sés ou Xosé Luis Rivas Cruz,  sempre con arranxos que beben da raíz do canto e que xa forman parte do patrimonio popular.

Pola súa banda, as Cantareiras da A.C. Cantigas e Frores interpretaron pezas tradicionais de baile, como a Xota e muiñeira de Zobra, Xota e muiñeira de Añobres e a Rumba de Farrapa.

A iniciativa contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da súa área de Cultura e forma parte das actividades que buscan promover a cultura popular galega, visibilizando o papel da muller na transmisión oral do canto tradicional.