CANTOS DE RAÍZ, DA RAÍZ DO CANTO, EN BARREIROS

Na tarde do día 20 de setembro de 2025, nos colexios vellos de San Miguel de Reinante, estivemos presentando o noso proxecto musical “Cantos de Raíz, da Raíz do canto” facendo un percorrido  que repasa a historia da música popular galega, desde as pezas transmitidas a través da oralidade ata os temas creados sobre os versos das voces poéticas máis senlleiras da nosa literatura, destacando a contribución das mulleres á creación, conservación  e renovación  da música popular galega, sumándonos á homenaxe  colectiva que propuxo este ano a Real Academia Galega ao dedicar as Letras galegas á poesía popular e ás cantareiras. En liña con este propósito,  de visibilizar a raíz feminina da nosa tradición musical, o concerto tamén contou coa participación das pandeireteiras da Agrupación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante que conta con máis de 40 anos de traballo a prol da música tradicional.