CANTOS DE RAÍZ, DA RAÍZ DO CANTO EN VILALBA

O domingo, 26 de outubro de 2025, ás 20:00 h tivo lugar, na Casa da Cultura de Vilalba, o concerto “Cantos de Raíz, da raíz do canto” coa participación das cantareiras Lambe, Lambe.

Este concerto foi o último do ciclo de concertos do proyecto musical “Cantos de raíz, da raíz do canto”

Neste ciclo de concertos rendemos homenaxe á música popular galega como creación colectiva, un tesouro transmitido de xeración en xeración e no que as mulleres tiveron un papel fundamental como cantadoras, tocadoras e bailadoras.

Foi unha viaxe polas raíces da nosa música popular, combinando pezas de música tradicional con composicións inspiradas no noso  patrimonio musical.

Con este proxecto sumámonos á homenaxe que este ano 2025, se fixo dende a RAG, polo día das letras galegas ás cantareiras galegas e á poesía oral, coa intención de mirar para o patrimonio oral feminino e visibilizalo.

A intervención final correu a cargo do grupo de pandereteiras e cantareiras vilalbés Lambe, Lambe formado por tres mulleres que puxeron o broche de ouro coas súas potentes  e harmoniosas voces, enchendo o espazo dun ambiente alegre e participativo.