CLASICISMO 1750-1820

CLASICISMO. Música nos salóns.

No s. XVIII e baixo a luz da Ilustración búscase racionalizar todos os aspectos da vida e saberes humanos. Fronte ó poder absoluto do estado monárquico, lexitimado pola Igrexa, reividícanse a igualdade diante da lei, a liberdade ideolóxica e a tolerancia relixiosa. Os ideais de liberdade, igualdade e fraternidade da Revolución Francesa foron recollidos na Declaración Universal dos Dereitos do home e do cidadán de 1789, pero as mulleres quedaron excluídas desta declaración e tardarían moito tempo en ser consideradas suxeitos de dereitos. Agora ben, Olimpia de Gouges, escritora e filósofa, promoveu a Declaración Universal dos Dereitos da Muller e da Cidadá que, xunto coas súas posicións políticas, a levaron á guillotina Os salóns literarios celebrábanse en residencias da burguesía ilustrada. As súas anfitrioas acostumaban ser mulleres amantes da cultura, as salonnières. En París, capital cultural de Europa, reúnense grupos de homes e mulleres para debater ideas filosóficas e políticas onde a música estaba presente. Nos Salóns de Mdme de Roland e Mdme de Stäel foméntanse as ideas revolucionarias e negociábase o poder político. As compositoras do Clasicismo foron cantantes e instrumentistas que buscaron a independencia mediante a práctica profesional da música e o seu ensino. Impulsaron centros de estudos e academias e organizaron concertos nos seus salóns de música nos que estreaban as súas obras.

                                                                                (Picar aquí para ver contido en PDF)