Historia

A asociación cultural  Cantar Delas leva funcionando dende  setembro de 2007.  Esta asociación promove  o único grupo coral de voces brancas da provincia de Lugo que agrupa a 29 voces femininas dirixidas por Fernando Gómez Jácome. O seu primeiro presidente foi Julio Méndez Menéndez del Llano. Dende xaneiro de 2018   a súa presidenta é Lidia Enrich.

Os seus obxectivos recollen:  

  • A promoción e o exercicio da música coral polifónica.
  • A interpretación e promoción da música clásica en xeral e de autoría galega en particular. 
  • A promoción da cultura galega a través da súa literatura, da súa música e da súa lingua.
  • A participación e a presenza das mulleres na vida cultural e social a través do canto coral.
  • A difusión da obra tanto literaria coma musical de escritoras, compositoras e intérpretes femininas.

Ó longo destes anos levou a cabo importantes proxectos culturais e musicais entre os que salientamos:

A interpretación coa orquestra de Xove do Stabat Mater de Pergolesi en diferentes localidades da provincia.

A interpretación, xunto co grupo Tundal, das Cantigas de Martim Codax e Cantigas de Santa María de Afonso X, O Sabio, en diferentes localidades da provincia

A interpretación, xunto cos coros Lugh, Hospital e e Sólo Voces, acompañados polo pianista Aurelio Chao, de pezas de zarzuela e ópera con grande éxito de público na nosa cidade.

A participación no Festival de Música Cidade de Lugo  en maio de 2018 na sección de Produción local: “Tributo a Montes” coa interpretación da Misa sencilla para niños, Veni Creator, Una flor a María, Ego sum panis vivus, Pange lingua. Á fronte do órgano contou con Esperanza Iglesias Méndez

Diversos concertos con diferentes núcleos temáticos: o amor e desamor,  música galega, percorrido pola historia da música   dende a Idade Media ata a actualidade...

Salientamos, pola súa orixinalidade, o concerto Cantos e Contos no que se acompañaron as pezas musicais coa lectura de textos literarios de autoría galega que gardaban  relación co  repertorio

Asemade ten participado en diferentes efemérides organizadas polo Concello de Lugo e por outros organismos privados: Día das Letras Galegas, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, S. Valentín, Nadal na rúa...

En maio de 2008 celebrouse o primeiro concerto sendo  amadriñadas pola entonces Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez. Naquela altura, a prensa local recolleu o evento como “Voces con alma de mujer” (Ver EL PROGRESO, 25-05-2008).

O 27  outubro de 2018 celebramos o X Aniversario do debut de Cantar Delas na Igrexa de S. Pedro.  O concerto  contou con pezas do repertorio  clásico (Bach, Offenbach, Händel, Pergolesi) música popular e de autoría galega.

O concerto contou co acompañamento de Esperanza Iglesias Méndez ó piano.

O prestixio e popularidade que o coro Cantar Delas acadou na nosa cidade débese ao seu director Fernando Gómez Jácome que, ademais dos ensaios semanais, procura, selecciona, prepara, adapta e harmoniza as distintas composicións musicais.