Xoán Montes

 

               Xoán Montes

 

XOÁN MONTES                                                                                         

Xoán Montes Capón é un dos mellores compositores galegos do século XIX, naceu en Lugo o 13 de abril de 1840.

Cursou estudos no Seminario de Lugo e é aquí onde inicia o seu traballo como compositor de forma totalmente autodidacta. O vicerreitor encoméndalle a creación dun coro de seminaristas e acompañado da súa guitarra empeza a compoñer as súas primeiras pezas: glosas, pregarias, himnos, motetes; entre elas “Las siete palabras de Cristo en la cruz” da que posteriormente (1889) fará un preludio instrumental.

 Termina os seus estudos eclesiásticos pero rexeita  a carreira sacerdotal para dedicarse totalmente á música.

A súa vida e a súa carreira de músico están fortemente vinculadas á cidade de Lugo. Foi un notable pianista, organista, profesor de música do Seminario de Lugo, reorganizador da Banda Municipal de Música coa que deu infinidade de concertos, divulgando a música sinfónica, a de cámara e a coral e tamén foi creador e director do Orfeón Lucense.

Na súa produción musical encontramos dúas parcelas, a música sacra e a música popular.

Montes era ante todo un compositor de música relixiosa, as composicións de tipo profano naceron de circunstancias particulares, a maior parte das veces para acudir a concursos ou certames e cando o fixo, fíxoo con tal eficacia que o converteu nun dos compositores galegos que mellor souberon penetrar a alma do pobo.

Entre os títulos máis importantes da súa vastísima obra relixiosa pódese destacar: Oficio de Defuntos, Te Deum (para catro voces e orquestra), Misa de réquiem (a tres voces e orquestra ou órgano) ou Ofertorio-marcha sobre o himno “Ave Maris Stella”, así como varias misas, pregarias, gozos, xaculatorias, himnos, motetes, etc.

Entre as súas composicións profanas, que foron moitas, destacan as Baladas Galegas para canto e piano nas que puxo música  a textos e poemas de grandes escritores da súa época.

Entre todas elas é “Negra Sombra”, sobre un poema de Rosalía de Castro, a que alcanza maior sona e recoñecemento.

Xoán Montes foi un incansable traballador ata a fin da súa vida. Aínda puido levar a cabo nos seus últimos días a organización da Schola Cantorum do Seminario de Lugo por encargo do bispo.

Morreu, como quen di, coa batuta na man, ao seu regreso dun ensaio no Círculo das Artes, o día 24 de xuño de 1899.

TRIBUTO A MONTES

 O 21 de maio de 2018, na XLVI Semana de Música do Corpus de Lugo, Cantar Delas rendeu tributo ao gran compositor lucense Xoán Montes, ofrecendo un concerto de música sacra baixo a dirección de Fernando G. Jácome e  o acompañamento ao órgano de Esperanza Iglesias, coa interpretación do seguinte programa:

Veni creator (Himno ao Espírito Santo)

Misa sencilla para niños

Kyrie

Gloria

Credo

Sanctus

Agnus Dei

 

Una flor a María

 

Ego sum panis vivus

 

Pange lingua, Tantum ergo Genitori (Motete ao Santísimo)

 

En Belén hai moita festa (Panxoliña ao nacemento do Noso Señor Xesucristo)

 

Cantar Delas recupera pezas inéditas e prácticamente descoñecidas, transcritas por Fernando G. Jácome. Trátase de pezas concibidas para teclado: órgano ou armonio e voces brancas.

Os temas foron escritos na súa etapa de docente no Seminario de Lugo para o seu uso nas celebracións do centro e tamén para  as monxas do convento monfortino das Clarisas, onde ingresou a súa sobriña e afillada, Sor Natividade do Neno Xesús en 1984.

Da súa etapa de estudante data  En Belén hai moita festa. A dedicatoria “A mis alumnos de canto figurado” encabeza a partitura de Ego sum panis vivus. Seguramente para o uso da Schola Cantorum do Seminario foi composta a Misa sencilla para niños a dúas voces e órgano.

A meirande parte da obra de Montes atópase recollida en dous importantes arquivos musicais: o do convento de Santa Clara de Monforte de Lemos e do Seminario Diocesano de Lugo. No convento de Monforte consérvanse un total de 59 obras enviadas por Montes á congregación, destinadas ao seu uso litúrxico as máis delas, e ao entretemento das monxas (algúns bailables como mazurcas, muiñeiras, baladas, etc).

Natividade Montes, sobriña do compositor, ingresa no convento con 24 anos de idade, no 1894. Foi unha notable pianista e organista, polo que ata a súa morte faise cargo da organización e dirección da música do mosteiro. Pezas como Veni creator, Una flor a María (dedicada a sor Concepción, irmá de claustro de sor Natividade) e Pange lingua (composta en maio de 1899, un mes antes da morte do compositor e dedicada á sobriña) son exemplos da dedicación de Montes a escribir obras para as monxas do convento de Santa Clara.

      

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


VÍDEOS DO CONCERTO


 


AUDIOS DO CONCERTO


MISA SENCILLA PARA NIÑOS

KYRIE

 

 
 

 

 

 

 

 


 MISA SENCILLA PARA NIÑOS

SANCTUS

 

 

 

 

 

 

 

 

 


MISA SENCILLA PARA NIÑOS

AGNUS DEI

 

 

 

 

 

 

 

 

 


SEIS BALADAS GALEGAS - MÚSICA DE XOAN MONTES