IDADE MEDIA
S. XII. AS BEGUINAS
Gravado dunha beguina de Des dodes dantz, impreso en Lübeck en 1489.
Con orixe en Flandres e estendéndose despois ó resto de Europa naceu, no século XII, un movemento de mulleres laicas consagradas á pobreza, á castidade, ao traballo manual e á devoción comunitaria. Dedicáronse a unha vida espiritual sen as normas dun mosteiro, sen votos e sen autoridade externa. Esta vida podían abandonala sen compromiso cando quixesen.
Establecéronse en cidades para vivir en comunidades que seguisen as súas propias normas. Guiábaas o interese polo coñecemento das escrituras e unha profunda espiritualidade. Logo relaciónanse co seu contorno e entréganse á caridade, ó ensino de nenas e ó coidado de enfermos.
Algunhas eran de clase alta ou media-alta e posuían unha ampla cultura. Contribuíron ó desenvolvemento da literatura da época xa que escribían na súa lingua materna, non en latín, polo que o seu pensamento podía ser comprendido por calquera.
De xeito discreto exercían un maxisterio espiritual na xente, fóra do control da Igrexa. Varias beguinas tiveron experiencias místicas sobre as que escribiron e compuxeron seguindo o estilo trobadoresco, pero substituíndo o amor cortés polo amor místico en poemas e cancións que se presentaban como diálogos entre a Dama Alba e a Dama Amor.
A súa independencia vital e espiritual causou alarma no seo da Igrexa que as perseguiu e nuns casos obrigou a que algunhas beguinas ingresasen en ordes relixiosas, que se dipersasen e, en casos como o de Margarita Porete, perecesen na fogueira.
Hadewijch de Amberes (s. XIII) é considerada mestra de beguinas e nai da lingua flamenca no século XIII. Posuía unha erudición exquisita e unha condición visionaria , ademais coidaba persoas enfermas, pobres e anciás. Sufriu persecución, a súa comunidade foi disgregada e ela obrigada a fuxir.
Da súa obra só quedan catro manuscritos que conteñen Poemas estróficos, Visións e Cartas. Os Poemas estróficos son en realidade cancións escritas ó estilo trobadoresco para servir de oración ás súas alumnas, que deste xeito as memorizaban moito mellor.
BLANCA ALLER NALDA. Creadoras de música. Instituto de la mujer. 2009
Vivenda o conventillo de beguinas no barrio de Canstald de, Stuttgart, Alemania.
Poema de Hadewijch (manuscrito medieval)